¿Que é ARTELIXO?

O Artelixo nace no ano 1995 en Redondela por iniciativa do “colectivo Josefá”, o Ateneo Redondelán e outros Colectivos da época, como protesta a un vertedoiro de lixo situado preto da feira do gando no centro da vila e continuou coa súa actividade reivindicativa até o ano 1999. Xa en 2012, o “colectivo Senghasoil” inclúe o Artelixo nunha programación con máis actividades da mesma índole político-social-cultural e o leva a cabo en colaboración con membros do “colectivo Josefá”, recuperando o espírito reivindicativo que deu vida ao evento nos anos 90 para loitar contra os problemas actuais: Lixo político, económico e social.Neste ano 2018, un grupo de persoas, vinculadas polo “colectivo Senghasoil” e a asociación Millo Verde, retoma a X edición do Artelixo 2018 co obxectivo de facer de Redondela un gran escenario onde poder amosar as inquietudes, preocupacións ou desconformidades da poboación a través do arte en distintas expresións como a pintura/escultura con material de refugallo (Artelixo), música (Sonalixo), poesía (Parnalixo), fotografía (Fotolixo), videos (Lixotube) e talleres artísticos para os máis cativos e cativas (Obralixo); ademais, nesta nova edición se contempla a realización de diversas actividades de divulgación e concienciación medioambiental, tales coma charlas sobre os lumes acontecidos no pasado outubro, quedadas para realizar limpeza nos ríos, solicitar en Redondela o punto limpo…A maioría destas actividades -as cales están cubertas por un seguro de responsabilidade civil-, desenvolveranse do 15 ao 21 de Abril no centro da Vila de Redondela; non obstante, nesta edición o proxecto cobra unha maior continuidade, posto que, co fin de seguir fomentando unha mentalidade responsable e comprometida co noso entorno, se organizarán novas actividades e eventos máis aló das datas previamente comentadas. Ademais, trala experiencia do ano anterior, contarase novamente co apoio do comercio redondelán contando coas exposicións nos escaparates dos locais interesados en participar.

OBXECTIVOS

  • Facer de Redondela un gran escaparate da reivindicación social e política da poboación a través do arte en distintas expresións.

  • Favorecer un uso responsable dos recursos dos que dispoñemos e fomentar a recuperación e reutilización dos materiais.

  • Integrar aos distintos axentes locais nunha actividade que favorece á comunidade levándonos a un espazo de reflexión comunitaria.

  • Utilizar o espazo público como medio de expresión artística.

  • Transmitir información divulgativa sobre o coidado medio ambiental.

Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial